Iniciativas diversas apostan por dar valor ao territorio creando unha oferta turística sostible e de riqueza local.
Dentro dos piares da Estratexia de Turismo Sostible de España 2030, o impulso do desenvolvemento do territorio preséntase como piar fundamental. O turismo debe ser unha panca de crecemento sostible da contorna, que contribúa a frear o despoboamento, promocionar o patrimonio e, con iso, mellorar da calidade de vida dos seus habitantes.
Arqueixal é un bo exemplo de proxecto que aposta pola transformación e valorización da súa comarca, labor que levan máis de 30 anos desenvolvendo desde Palas de Rei. Nesta granxa rural ecolóxica pasaron de dedicarse en exclusiva á produción de lácteos, a concibir unha experiencia global que encarna o amor pola terra. A partir da rehabilitación dun conxunto de casas despoboadas seguindo as directrices da bioconstrución, o seu complexo ofrece ao visitante a oportunidade de meterse de cheo na cultura local e tomar parte no día a día da aldea.
Unha aposta polo territorio a través do turismo sostible que tamén se empeza a impoñer en zonas populares, co obxectivo de canalizar a súa oferta cara a modelos de negocio que minimicen o impacto do turismo nas súas zonas. Casos como o Hotel Spa Bosque Mar, posuidor do Selo Talento Turístico Sostible e cunha forte aposta polo consumo das enerxías renovables, ou os Apartamentos Trisquel. Ambos facendo posible o turismo sostible e de calidade nunha zona tan solicitada polo viaxeiro estival como a Comarca do Salnés.
Desde Serra de Outes, diversas iniciativas que apostan polo turismo de desconexión na natureza están a impulsar esta comarca creando espazos singulares de gran calidade arquitectónica, ecolóxicos e respectuosos coa paisaxe. É o caso das Cabaniñas de Outes, aloxamentos pioneiros en Galicia situados en árbores. Estas hospedaxes tan singulares recibiron o Premio de Arquitectura 2020 polo seu equilibrio perfecto entre construción e hábitat natural, como marcan os obxectivos da “Axenda 2030”.
Crecemento local e sostible a través do turismo. En todos estes exemplos de proxectos en Galicia queda máis que evidenciado que un camiño máis sostible é posible.