A Xunta de Galicia convocou un ano máis as Axudas DeseñaPeme e InnovaPeme, en réxime de concorrencia competitiva. Poden solicitar as axudas deste programa as microempresas, pequenas e medianas empresas, ou as entidades do terceiro sector de acción social con actividade económica que acredite a categoría de peme e sen ánimo de lucro.
O obxecto das axudas é o financiamento das actividades integradas en plans que permitan sistematizar e fortalecer a innovación da empresa. En cada solicitude, as pemes poderán incluír unha ou ambas as liñas de axudas, que apoian dous tipos de plans diferentes e complementarios: Deseña, que contempla plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade; e Innova, que contempla plans de innovación e procesos de organización.
Os plans deben constituír un conxunto completo e coherente das actividades para cada unha das liñas. A duración máxima de cada un será ata o 30 de setembro de 2023. Ademais, na liña de Innova deberán ter unha duración mínima de 12 meses.
Son custos directos elixibles os custos de persoal, propio ou de nova contratación; de adquisición de propiedade industrial; de material, subministracións e produtos similares; subcontratacións; de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, obtención de certificacións; de servizos de asesoramento en materia de deseño e/ou innovación; de servizos de apoio en materia de innovación; e de equipamento e instrumental inventariables. Ademais, tamén se contemplan os custos elixibles indirectos, que será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 20% aos custos directos do plan.
O orzamento para cada unha das liñas é de 3 M€ para InnovaPeme e 1,5 M€ para DeseñaPeme. O orzamento subvencionable é dun mínimo de 50.000 € e máximo de 150.000 € para cada plan. A axuda será dun 50%, coa subvención a fondo perdido: entre 25.000 ata 75.000 € por plan. En total unha peme pode obter ata 150.000 €. Ademais recibirase un anticipo de ata o 60% da subvención concedida e, para a primeira anualidade, poderase solicitar ata o 100% da subvención concedida.
Podes solicitar a axuda a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, código de procedemento IN848D. Poderase solicitar ata o 14 de agosto ás 23:59 horas.