As Rías Baixas é o cuarto destino máis visitado das Rutas do Viño de España.

 

O enoturismo é un sector con gran potencial de desenvolvemento e unha capacidade crecente para atraer novos usuarios e xerar actividade e prosperidade na súa contorna. Así o pon de manifesto o último estudo da Asociación Española de Cidades do Viño (Acevin) sobre a Análise da demanda turística das Rutas do Viño de España, entidade á que pertence a Ruta do Viño Rías Baixas e que está integrada por 32 agrupacións de toda España.

 

O documento analiza os datos recolleitos durante o segundo semestre do ano 2020 e o primeiro semestre do 2021 e mostra como, a pesar do impacto da pandemia da covid, o sector fixo valer aspectos como a súa pouca estacionalidade e o seu desenvolvemento en espazos amplos, abertos e sen aglomeracións, para evolucionar de forma positiva. Isto ponse de manifesto en feitos como que o gasto medio diario de cada enoturista experimentou o maior aumento anual rexistrado desde que se comezaron a elaborar estes informes no 2008. Pasa dos 162,05 euros do 2019 aos 173 do período analizado agora, superando amplamente tanto o gasto medio diario en España do turista nacional como dos visitantes estranxeiros. Este dato unido ao feito de que aumentase tamén lixeiramente o tempo medio de estancia en destino de cada  enoturista (2,45 días) propicia que aumente ata 424,14 euros de media o diñeiro que cada un deles inviste durante os seus percorridos polas Rutas do Viño.

 

Outra indicador clave para medir a saúde do sector como é o grao de satisfacción do visitante tamén vai en aumento e crece case medio punto para situarse en 8,92 sobre 10. Ademais, case a totalidade dos clientes (o 99,49 %) recomendaría a experiencia a outras persoas, mentres que o 60,95 % dos enquisados sinalan que xa visitaran con anterioridade algunha das Rutas do Viño. O 10,82 % destes últimos refírense concretamente á Ruta do Viño Rías Baixas, o que a sitúa na cuarta posición do ranking sendo superada unicamente polas rutas do Ribeira do Douro (16,23 %), a Rioxa Arabesa (14,31 %) e a Rioxa Alta (14,23 %).

 

Os aloxamentos, as visitas ás adegas, a calidade da contorna e a hospitalidade na atención ao cliente son os aspectos mellor valorados polos visitantes, cunha media de 9 puntos sobre 10. O informe reflicte tamén que as persoas de idades comprendidas entre os 36 e os 45 anos son os visitantes máis numerosos (o 32,99 % do total) e que o 40 % dos enoturistas din ser afeccionados ao viño, mentres que un 20,72 cualifícase como principiante e un 19,69, como apaixonado ou entusiasta.

11 de Xaneiro de 2022

O enoturismo crece en número de noites pasadas, gasto por día e satisfacción dos usuarios

As Rías Baixas é o cuarto destino máis visitado das Rutas do Viño de España.   O enoturismo é un sector con gran potencial de desenvolvemento […]
10 de Xaneiro de 2022

Galicia acode a Fitur na procura de visitantes internacionais co Xacobeo como gran reclamo

O Ano Santo e o Camiño de Santiago serán os eixos centrais do espazo que se poderá visitar en Madrid do 19 ao 23 de xaneiro. […]
08 de Xaneiro de 2022

A segunda convocatoria de axudas de Turismo de Galicia para as axencias de viaxes inxectou 350.000 euros no sector

Máis dun centenar de empresas e profesionais beneficiáronse da iniciativa aberta en setembro do ano pasado.   Máis dun centenar de axencias de viaxes e profesionais […]
07 de Xaneiro de 2022

O gasto dos turistas estranxeiros en Galicia creceu o verán pasado ata os 267 millóns de euros

A cifra feita pública polo INE supón un aumento do 85 % con respecto ao mesmo período do 2020.   A recuperación experimentada o ano pasado […]