A Xunta premia coas Bandeiras Verdes as boas prácticas ambientais, a protección e a conservación.
Un total de 15 municipios galegos poden presumir do seu compromiso co medio ambiente e a paisaxe facendo ondear as Bandeiras Verdes que así o acreditan. Os responsables de todos eles acaban de recibir de mans da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, as insignias coas que a Xunta premia desde o ano 2020 o esforzo neste ámbito realizado polas administracións locais.
A Laracha, Cervo, Muros, Ribadeo, Ribeira e Touro conseguen este ano por primeira vez a Bandeira Verde e súmanse a unha listaxe que no primeiro ano arrincou con só dous membros e que no 2021 creceu ata 9: Alfoz, Curtis, Moaña, Mondoñedo, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son e Sober. Estas bandeiras teñen como obxectivo, segundo explican desde a Xunta, “sumar e reflectir o esforzo que as entidades locais están a facer polo futuro de Galicia grazas a accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética”.
Desde a Xunta explican ademais que pretenden que estas bandeiras se convertan non só nun símbolo para os veciños, senón tamén para os potenciais visitantes fortalecendo a imaxe daqueles pobos e vilas máis comprometidos nos ámbitos ambientais, paisaxísticos e naturais. Pódense converter así tamén nunha ferramenta de promoción no ámbito turístico con poder de atracción daqueles visitantes que valoran estes aspectos á hora de elixir o seu destino.