Turismo e Cultura volveron a axuntar obxectivos e sinerxías e fixérono nesta ocasión en Glasgow, no marco do Celtic Connections, festival recoñecido internacionalmente por reunir a artistas de música folk e que este ano ten a Galicia como territorio convidado do Showcase Scotland 2019. Así, e da man da Consellería de Cultura e Turismo e baixo a marca Galician Tunes on Tour, unha delegación de doce empresarios galegos viaxaron até esta cidade británica parqa abrir contactos de internacionalización da oferta turística.
Trátase dunha acción piloto posta en marcha entre ambas as entidades que lles permitiu establecer un primeiro contacto e presentar algún dos produtos especificamente creados para este mercado, como o Celtic Spain Golf&Wellness, no que se conxunta o gozar do golf con aloxamentos con oferta termal nun paquete especialmente creado para o mercado británico, o sexto mercado estranxeiro con maior presencia en Galicia con 65.000 viaxeiros rexistrados o ano pasado.
Con esta iniciativa os empresarios galegos complementan o programa da Xunta de Galicia na que, a través de Agadic, presentáronse oito formacións artísticas galegas durante a celebración deste festival, un dos máis relevante da tempada de inverno a nivel mundial e o máis destacado no ámbito da música celta.
O workshop Experience Galicia celebrouse en Drygate Beer Hall e incluíu unha presentación do Destino Galicia para, a continuación, realizar rápidos encontros de traballo (speed dating) entre os representantes galegos e 15 entidades e turoperadores escoceses, especializados en turismo de luxo, cruceiros, Camiño de Santiago ou turismo activo, moitos dos cales buscan produtos diferentes para os seus clientes. A xornada concluíu coa celebración de Galicia Festa! organizada polo propio festival e o que, de novo, houbo actuacións musicais e gastronomía galega.
Inauguración do Miliario do Camiño
A participación da delegación galega no Celtic Connections conclúe hoxe sábado coa inauguración oficial da primeira Mouteira do Camiño, unha mouteira ou miliario co símbolo do Camiño de Santiago que marca a distancia até Compostela e que forma parte da promoción do próximo Xacobeo 2021, nun acto no que estarán presentes o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodriguez, a alcaldesa de Glasgow así como o director de Agadic, o director artístico do Celtic Connections, o presidente do Clúster Turismo de Galicia e a delegación de empresarios galegos, entre outras autoridades.