Un total de 43 empresas de Sanxenxo recibiron o seu distintivo SICTED, 17 delas por vez primeira, o que acredita a este concello pontevedrés como o municipio galego como maior número de galardóns do Instituto Español para a Calidade Turística, 113 en total, ademais de contar con 35 empresas certificadas coa Q de Calidade. Ademais, o concello puxo en marcha a entrega dos seus propios premios de calidade turística, “Sanxenxo, Calidade Turística”, que onte recibiron por vez primeira cinco empresas locais. Así, o hotel Carlos I Silgar, na categoría Aloxamentos; a confeitaría A Ponte, na categoría Comercio; o restaurante Carmen, na categoría Restauración; Adega dos Eidos, na categoría de Servizos Turísticos e o taxista Otilio Prieto, na categoría Taxis son as empresas seleccionadas para recibir estes premios locais, que o pasado ano a Mesa da Calidade Turística de Sanxenxo decidiu crear para destacar o bo traballo realizado polos establecementos locais.
A entrega de todos estes galardóns realizouse na sala Nauta do Concello de Sanxenxo nun acto que contou coa participación, ademais das empresas e autoridades locais, de Isabel Borrego, secretaria de Estado de Turismo no Goberno, Nava Castro, directora da Axencia de Turismo da Xunta; Santos Héctor, deputado de Turismo e o presidente do Cluster de Turismo e do CETS, Francisco González.
O SICTED é un proxecto do Instituto Español para a Calidade Turística centrado na conciencia integral do destino e na identificación de obxectivos comúns para todos os axentes implicados no destino, co obxectivo de alcanzar un nivel de calidade homoxéneo e un servizo de excelencia para o turista, sendo este distitntivo o certificado que acredita a optimización do servizo prestado e a xestión solvente do destino.