O Consello da Xunta acaba de dar o visto e prace a un acordo que permitirá investir 2 millóns de euros procedentes dos Fondos Next Generation.
O proxecto de sustentabilidade turística Sanxenxo 365 días elaborado desde ese coñecido municipio das Rías Baixas superou un novo trámite para poder materializarse. Tras recibir meses atrás o visto e prace da Conferencia Sectorial de Turismo e a Secretaría de Estado de Turismo, agora é o Goberno autonómico é o que deu luz verde a un novo trámite. Fíxoo na última reunión do Consello da Xunta ao aprobar a firma do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Sanxenxo necesario para a súa execución.
Desde a Xunta detallan que o proxecto Sanxenxo 365 días ten un orzamento de 2 millóns de euros e que se enmarca no plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con cargo aos fondos Next Generation.
O proxecto inclúe accións diversas, como o acondicionamento dos accesos, a mellora paisaxística, a dotación ecoeficiente e a musealización dixital do Centro de Interpretación da Telleira, unha antiga fábrica situada na parroquia de Vilalonga que o Concello quere potenciar como espazo para a divulgación.
Tamén está previsto o acondicionamento da contorna e das propias instalacións do Pazo de Quintáns, construción señorial que servirá, así mesmo, como centro de interpretación.
Con ambas actuacións preténdese aumentar a oferta de actividades que o municipio pon ao alcance dos visitantes máis aló dos meses de verán e contribuír así a un aumento da desestacionalización da demanda turística.