En Galicia cada vez hai unha maior concienciación das empresas do sector turístico no ámbito da sustentabilidade, tal e como se manifesta no éxito da iniciativa do Club de produto Galicia Destino Sostible. Por iso o Clúster Turismo de Galicia (en diante CTG) acordou a contratación dun servizo de consultoría ao tecido empresarial turístico galego, para que poidan afrontar a auditoría previa para a consecución de novas certificacións, seguimentos e renovacións das certificacións S de Sustentabilidade Turística. Un Sistema de Xestión como este, facilita a transición das organizacións turísticas cara a un modelo de xestión máis respectuoso co medio e coas sociedades.
Actualmente hai 14 empresas en Galicia que contan con esta certificación, as cales poderán beneficiarse do servizo de consultoría no proceso de seguimento e renovación. Doutra banda, aquelas que poidan ter interese neste servizo ou necesiten máis información, poden poñerse en contacto co CTG a través do teléfono 881 247 436 ou o correo electrónico secretariatecnica@clusterturismogalicia.com.
A marca S de Sustentabilidade Turística do ICTE pretende certificar a aquelas organizacións cuxo funcionamento estea orientado á consecución dos Obxectivos para o Desenvolvemento Sustentable (en diante ODS). As organizacións turísticas poden obter a marca S de Sustentabilidade cando conten con algunha Especificación Técnica de Cumprimento dos ODS ou se teñen implementada a Norma UNE-ISO 21401_2019 Sistema de Xestión de Sustentabilidade para aloxamentos.
O 2 de marzo de 2023, o CTG e a Xunta de Galicia – Axencia Turismo de Galicia formalizaron un convenio de colaboración para a creación e consolidación de produto turístico sustentable. Para mellorar a oferta turística de Galicia, así como de facilitar os procesos de acreditación do compromiso das empresas galegas no ámbito da sustentabilidade, o citado convenio inclúe no seu Eixo 5: Apoio para os procesos de certificación no ámbito da sustentabilidade os servizos necesarios para abordar o proceso de certificación de operadores turísticos.
Non é a primeira vez que o CTG en colaboración con Axencia Turismo de Galicia ofrecen axudas para conseguir unha certificación. Levan colaborando desde a súa constitución para facilitar ás empresas o proceso de auditoría previa para a certificación da Q de Calidade Turística. O obxectivo é que Galicia siga sendo un destino turístico de calidade e sustentable. Este tipo de certificacións poñen en valor o traballo, o esforzo e a profesionalidade dos establecementos galegos do sector turístico.