O Clúster Turismo de Galicia fomenta a participación das empresas e iniciativas galegas nas citas europeas. Desta quenda será a capital de Polonia a que acollerá un workshop no que participarán 4 empresas galegas: Galiwonders, Rutas Meigas, Pilgrim Travel e Viajes Interrías.
A participación no workshop de Varsovia permitirá establecer contactos profesionais entre empresas e destinos turísticos, dando a coñecer a oferta turística galega entre axentes de viaxe e turoperadores internacionais.
A marca ‘Galicia Destino Sostible’, por Europa adiante
Por primeira vez, o Clúster levará a marca ‘Galicia Destino Sostible’ a un evento deste tipo co obxectivo de dar a coñecer a ampla oferta sostible da nosa Comunidade en mercados de interese internacional, como pode ser o polaco. Unha das empresas do propio Club de Produto desta iniciativa será a encargada de dar a coñecer unha iniciativa que busca integrar toda a oferta turística sostible galega: desde a gastronomía, ata aloxamentos, ecocultura, deportes, aventura, escapadas, astroturismo, ou diversas actividades como a náutica ou escalada.
Esta cita é unha oportunidade para xerar novos contactos, ampliar coñecementos, recibir e dar información, coñecer as últimas novidades do sector e continuar promovendo o turismo galego a nivel europeo.