Problemas de comercialización, coñecemento e mantemento das instalacións e un posicionamento pouco claro dun sector moi fragmentado son algunhas das debilidades do sector termal en España, un sector que, con todo, facturou 225 millóns de euros o ano pasado a través das 20.000 prazas ofertadas nos 114 balnearios existentes no noso territorio. Este volume de negocio sitúa ao sector termal ao mesmo nivel que o das casas de turismo rural, polo que é evidente que nos atopamos ante un sector estratéxico, tamén en Galicia.
Non en balde no territorio galego comercialízanse 3000 prazas en 21 establecementos, sen esquecer as 300 captacións de augas termais existentes, segundo os datos de 2013 da Asociación de Balnearios de Galicia. “O turismo termal abre un novo nicho de clientes porque proporciona un novo abanico de sistemas, métodos e que vai consolidar o futuro deste mercado no noso país”, afirma Marío Crecente, o autor do estudo O Turismo Termal en España. Neste informe, que foi presentado en Madrid este mes de maio, recolle unha serie de propostas para mellorar o coñecemento do patrimonio, atender á demanda e as súas necesidades, facer un correcto seguimento do mantemento das instalacións, así como a mellora do equipamento e unha xestión enerxética eficiente.
Crecente destaca no seu informe que é necesario clasificar e definir a oferta, dotala de calidade, facer unha xestión dos recursos sustentable e ter unhas instalacións especializadas, ademais de mellorar a comercialización do produto a través da creación de webs e app especializadas ou a través de clubs de produto ou asociacións especializadas na comercialización deste tipo de produto xa que estamos ante unha oferta moi fragmentada e pouco coñecida entre os turoperadores internacionais. Neste sentido, sería necesario mellorar a formación de guías de turismo, idiomas, ciclos formativos, comercialización ao sector médico ou a creación dun Ciclo Superior en Deseño Termal.