Esta fin de semana o recinto feiral de EXPOCoruña acolleu a celebración da V edición de BioCultura. O evento contou coa participación de 150 expositores e a celebración dun cento de charlas e actividades complementarias. Esta quinta edición estivo protagonizada polo ecoturismo, un segmento que non para de medrar e que permite que os turistas coñezan o destino a través de formatos que non destorcen a natureza, senón que teñen un impacto positivo nela.
O Clúster Turismo de Galicia participou nesta feira cun espazo propio a través do cal se promocionou a marca turística ‘Galicia Destino Sostible’ e o seu Club de Produto. Promocionouse o traballo que se fai en materia de sustentabilidade, promovendo ao mesmo tempo a oferta turística sostible da rexión.
Este espazo rexistrou unha afluencia de visitantes constante, destacando a xornada do sábado, cun afluxo notablemente alto. Durante as tres xornadas o espazo do Clúster recibiu a responsables de diversas de empresas de aloxamentos turísticos, así como de empresas de actividades turísticas, casas rurais, agroturismos, e empresas de actividades turísticas dedicadas a incentivos. Estas persoas sinalaron o seu interese por unirse á marca turística ‘Galicia Destino Sostible’, solicitando información sobre o proceso de adhesión, e polos requisitos obrigatorios para poder unirse.
Foron tres días de intensa actividade. Neste espazo tamén recibimos a persoas interesantes en coñecer o traballo do Clúster Turismo de Galicia, e de como podían formar parte desta agrupación de empresas; a visitantes interesados en coñecer información do destino en xeral, ou sobre actividades complementarias como sendeirismo ou rutas; e incluso persoas interesadas no programa Xacobeo Xove, unha iniciativa na que colabora o Clúster, e da que están dispoñibles os últimos bonos para gozar do Camiño de Santiago cun desconto de 200 €.