Galicia consolídase coma un destino turístico atractivo máis alá dos meses de verán. Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a comunidade rexistrou en outubro un crecemento do 4,8% en pernoitas e do 5,6% no número de viaxeiros aloxados en establecementos hostaleiros, cifras superiores á media nacional, que foi do 4,7% e 3,7%, respectivamente.
O décimo mes do ano pechouse con 510.524 viaxeiros aloxados en hoteis galegos, marcando o mellor outubro dos últimos 11 anos. Este aumento traduciuse en 923.058 noites contratadas, un fito que reforza a desestacionalización do destino.
O crecemento da demanda turística veu acompañado dun aumento do 2,5% na oferta de prazas hostaleiras, o que evidencia un sector en expansión. Este dinamismo beneficiou especialmente ao turismo internacional, que experimentou un notable repunte: as pernoitas de turistas estranxeiros medraron un 13,2% e o número de viaxeiros internacionais subiu un 13,4%. En outubro, estes visitantes representaron o 34% do total, consolidando Galicia como un destino cada vez máis atractivo para mercados internacionais.
Turismo interno e rendibilidade hostaleira
O turismo interno, protagonizado polos residentes de Galicia, tamén mostrou resultados positivos, cun crecemento do 4,2% en noites de hotel e do 2,6% en viaxeiros aloxados. Este impulso conxunto de turistas nacionais e internacionais contribuíu a mellorar a rendibilidade hostaleira, que nos primeiros dez meses do ano subiu un 7%.
O sector hostaleiro galego xerou neste período uns ingresos nominais totais superiores aos 390 millóns de euros, subliñando a importancia económica do turismo para a comunidade.
Un modelo turístico en evolución
Os resultados reflicten o éxito da estratexia pola que o Clúster leva apostando ano tras ano, co obxectivo de desestacionalizar a actividade turística en Galicia, ampliando a tempada alta. A aposta por unha oferta sostible e adaptada a diferentes públicos permite a Galicia manter o seu atractivo en calquera época do ano, reforzando a súa posición como un referente turístico en España.