Durante 2024, e durante 6 meses, 14 persoas poderán realizar prácticas nas oficinas de información turística da nosa comunidade. O repartimento sería o seguinte:
4 bolsas nas oficinas de Turismo de Galicia en Santiago de Compostela (2 na rúa Vilar e 2 na rúa Carretas) e 2 prazas en cada unha das oficinas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
O prazo para solicitar estas bolsas comezou o 19 de marzo e remata o 18 de abril. Concederanse en réxime de concorrencia competitiva e tendo en conta o cumprimento dos requisitos, a valoración de méritos e a entrevista persoal.
Os interesados deberán estar en posesión dalgún destes títulos: licenciado en turismo, técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos. Ou técnico superior en orientación, información e asistencia.
Tamén é imprescindible o coñecemento da lingua galega, nivel Celga 4, nivel avanzado ou titulación equivalente. No caso do inglés, terán que ter o certificado B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas ou superior.
As persoas beneficiarias destas bolsas non poderán ter emprego remunerado nin percibir prestacións por desemprego. As bases completas pódense consultar no DOG.
Estas axudas enmárcanse no compromiso que Turismo de Galicia ten de ofrecer formación práctica aos profesionais do turismo ao tempo que se reforza a profesionalización dos servizos que Galicia ofrece a todos os seus visitantes.