Autosustentabilidade, glamping e educación ambiental son algunhas das propostas destes aloxamentos turísticos.
O cámping converteuse nunha forma moi popular de gozar da natureza e coñecer a contorna galega. Grazas a estes dous aloxamentos con certificado Q de Calidade Turística ligados ao Clúster Turismo de Galicia, os campistas poden gozar desta nunha escapada, á súa vez, responsable co medio ambiente.
O Cámping Illa de Ons, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, é o primeiro cámping autosostible de Galicia, que entre a súa oferta dispón dunha nova modalidade para os campistas: o glamping. Un concepto que permite gozar das comodidades dun hotel sen renunciar á clásica acampada ao aire libre. Estas innovadoras tendas de lona son unha gran alternativa para aquelas persoas que queiran gozar da contorna natural sen perder o luxo dun hotel clásico.
A Illa de Ons, na que se atopa o cámping, forma parte da iniciativa Starlight, a campaña internacional para a defensa dos ceos nocturnos. Grazas á ausencia de contaminación lumínica da illa os campistas poden gozar de actividades de observación astronómica con rutas e sesións de observación e aprendizaxe de estrelas.
O Cámping Paisaxe II, situado no Grove, presenta outra proposta de turismo sostible, esta vez relacionado cos máis pequenos. Durante as tempadas de verán organizan o Paisaxe Summer Camp, un campamento multiaventura que vincula á xente nova coa natureza mediante visitas culturais e actividades ao aire libre que fomentan a educación ambiental.
Este cámping con Selo Verde, que garante a redución de impactos no medio ambiente, organiza excursións para achegar aos pequenos á fauna e flora de diversas contornas naturais, aprendendo a respectala e protexela. Ademais, ofrece rutas verdes de sendeirismo por diferentes paisaxes do municipio.