O Clúster Turismo de Galicia organizou unha misión comercial á feira británica na que participaron máis de 20 profesionais e empresarios.
A promoción de experiencias turísticas vinculadas ao Camiño de Santiago no mercado británico e no resto dos mercados internacionais foi o obxectivo compartido polas máis de 20 persoas profesionais do turismo que viaxaron a Londres para participar no World Travel Market da man do Clúster Turismo de Galicia.
Tanto os representantes do Clúster Turismo de Galicia como os responsables das empresas participantes mantiveron tamén contactos con provedores de tecnoloxías aplicadas ao turismo. Neste sentido, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, manifestou que encontros internacionais deste tipo son unha oportunidade para manter a Galicia na vangarda do proceso de transformación cara a un turismo intelixente.
A misión foi organizada polo Clúster en colaboración coa Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, que dispuxo dun espazo no stand de Turespaña da feira no que se promocionou o destino e a campaña Camiña a Galicia.
Cesáreo Pardal mostrouse altamente satisfeito pola participación de Galicia na feira de Londres “porque se produce no mellor momento, cando o turismo de Galicia demostrou a súa capacidade de recuperación tras a pandemia ante os visitantes nacionais, e debe iniciar tamén a recuperación do turismo internacional”. Cesáreo Pardal expresou o seu convencemento de que fortalezas e oportunidades como o Xacobeo ou a capacidade de ofrecer un turismo seguro “serán entendidas tamén da mesma maneira polos visitantes que teñen que comezar a chegar de outros países”.
Neste sentido, o vicepresidente do Clúster, Jesús Picallo, destacou tamén a importancia de ofrecer aos mercados internacionais experiencias vinculadas ao Camiño. Referiuse, en concreto, ao turismo gastronómico, aos cruceiros ou a destinos como a Costa da Morte ou a Ribeira Sacra, que “son doados de relacionar co carácter de experiencia e mesmo coa cultura e coa espiritualidade do Camiño”.
Pola súa banda, Alfonso Martínez, tesoureiro do Clúster Turismo de Galicia, que tamén participio na misión comercial, incidiu na oportunidade que representa esta feira para atraer a un turismo de calidade que viaxa a Santiago de Compostela e que se despraza a outros destinos, como as Rías Baixas, en calquera estación.
Unha parte da delegación galega participou nunha actividade denominada “Buyers’ Speed Networking”, na que tiveron a oportunidade de manter encontros de cinco minutos con outros profesionais co obxectivo de iniciar contactos comerciais.