Aberto o prazo para participar nos workshops programados polo Clúster en Sevilla e Lisboa

Aberto o prazo para participar nos workshops programados polo Clúster en Sevilla e Lisboa

  • Un máximo de 26 empresas poderán tomar parte nas actividades que se desenvolverán os días 22 e 23 de maio.
  • Ambas xornadas comezarán cun workshop con empresas locais que dará paso a unha presentación do destino e un cóctel degustación.

O Clúster Turismo de Galicia abre o prazo de inscrición para participar na súa próxima viaxe promocional de Galicia. Neste caso, a actividade centrarase no mercado peninsular e terá como escenario dúas cidades cun gran potencial para o noso sector turístico: Sevilla e Lisboa. Alí realizaranse senllos workshops, nos que os nosos empresarios poderán interactuar con operadores locais, e haberá tamén unha presentación do destino Galicia, cunha proxección dun vídeo promocional e unha breve intervención institucional, e un cóctel degustación.

 

A viaxe desenvolverase a finais do vindeiro mes de maio e poderán tomar parte un máximo de 26 empresas galegas. A cita en Sevilla será o día 22 de maio. Un día despois será a quenda da capital lusa, o 23 de maio. En ambos os casos, os actos darán comezo ás 20:00 horas. Ademais, coa finalidade de premiar a aqueles participantes de Sevilla e Lisboa que máis contactos realicen, realizarase un sorteo de estancias ao fin da velada.

 

O prazo para inscribirse nesta viaxe estará aberto ata o 22 de abril ás 20:00 horas, e en caso de haber máis solicitudes que prazas se asignarán seguindo os criterios de prioridade que se poden consultar nesta ligazón. Os interesados en participar deben cumprimentar este formulario, realizar unha transferencia de 100 euros ao Clúster en concepto de garantía e enviar o xustificante bancario a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com.