A entidade foi galardoada pola Xunta xunto a unha vintena de colectivos e persoas diversas.
Cesáreo Pardal recolleu o galardón durante o acto celebrado en Santiago para facer balance do dobre Ano Santo.
O acto celebrado pola Xunta o venres 17 de febreiro en Santiago de Compostela para facer balance do pasado Xacobeo 21-22 serviu tamén para recoñecer a contribución dalgunhas entidades e persoas ao éxito dese dobre Ano Santo excepcional. Entre os galardoados durante a gala presidida polo presidente autonómico, Alfonso Rueda, estivo o Clúster Turismo de Galicia, que foi premiado no apartado Xacobeo Institucional xunto co Centro Internacional de Acollida ao Peregrino; a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés, a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra-Muxía, Turespaña e o Concello de Madrid.
O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, recolleu o galardón de mans do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, nun acto no que estivo acompañado tamén por un nutrido grupo de membros da directiva da entidade como o vicepresidente, Jesús Picallo; o tesoureiro, Alfonso Martínez Cacheda, e os vogais Belén Montero López, Francisco González López, Juan Antonio Rivadulla Fernández, Luisa Lorenzo e Sara Santos.
Tamén houbo recoñecemento para outros representantes do sector turístico, como a Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber), distinguida na categoría Xacobeo Acollida, e Sente Galicia, na categoría Xacobeo Experiencias.
O presidente da Xunta agradeceu o labor en favor do Camiño de Santiago realizada por todos os premiados e destacou as espectaculares cifras que converteron o Xacobeo 21-22 nun período histórico. Alfonso Rueda detallou que o ano pasado foron entregadas 438.600 compostelas, pero sinalou que os peregrinos que completaron polo menos 100 quilómetros de percorrido ata Santiago foron máis de 700.000.