O pasado sábado, 24 de xuño, Oroso acolleu a presentación do programa Xacobeo Xove, unha iniciativa da Axencia Turismo de Galicia en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia, a Asociación de Viaxes de Galicia (AGAVI), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA), a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO), e a Consellería de Política Social e Xuventude. O programa busca impulsar a experiencia do Camiño de Santiago entre a xuventude a través dun desconto de 200 euros que poderán empregarse en diferentes actividades e servizos ao longo de calquera das Rutas Xacobeas.
O acto contou coa participación do presidente do Clúster, Cesáreo Pardal; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o alcalde do Concello de Oroso, Álex Doval; a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García; e do delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor.
O presidente do CTG destacou que “o programa Xacobeo Xove nace coa vocación de achegarlles aos máis novos unha desas vivencias inesquecibles que é o Camiño de Santiago. Dez rutas e un abano de posibilidades para mergullarse na natureza, imbuírse da cultura e da tradición local, coñecer o patrimonio arquitectónico, desfrutar da gastronomía e coñecer persoas de calquera parte do mundo.”
Mocidade
Poderán optar a este desconto todos aqueles mozos e mozas de 18 a 30 anos que dispoñan do Carné Xove en activo (é dicir, debe contar co número de identificación do carné, número Eyca). Cada beneficiario poderá desfrutar dun único desconto, que se vinculará ao número de Carné Xove, e as solicitudes atenderanse por orde de compra ata esgotar a dispoñibilidade orzamentaria.
O gasto mínimo será de 300 euros en calquera das experiencias que oferten as empresas adheridas á iniciativa ou no itinerario personalizado que escollan. A experiencia debe adquirirse a través das axencias de viaxe galegas que estean dadas de alta no programa.
As viaxes poderán realizarse entre o 1 de xullo e o 10 de decembro de 2023, sempre e cando a compra do paquete turístico se efectúe antes do 30 de novembro de 2023.
Axencias de viaxe
Co obxectivo de reforzar o papel da intermediación turística coa mocidade, a iniciativa articularase a través das axencias de viaxe minoristas galegas inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte (REAT). Estas serán as encargadas de comercializar a experiencia do Camiño á xuventude.
As axencias interesadas en participar no programa deberán solicitar a súa alta a través do formulario habilitado na páxina oficial do programa Xacobeo Xove.
Para calquera dúbida adicional, pódese contactar na dirección de correo xacobeoxove@clusterturismogalicia.com ou no teléfono 881 505 103.