A entidade fai público un comunicado con motivo da efeméride impulsada pola Organización Mundial do Turismo.
O 27 de setembro é unha xornada marcada en vermello no calendario do sector turístico. Foi ese día, do ano 1970, cando foron aprobados os estatutos da Organización Mundial do Turismo, e é por iso que o 27 de setembro é a data na que se celebra desde o 1980 o Día Mundial do Turismo. Nesta ocasión, os actos promovidos pola OMT teñen como lema “Repensar o turismo” para facer fronte aos desafíos que afronta o sector nestes tempos de postpandemia e novas esixencias en materia de desenvolvemento e sustentabilidade.
Desde o Clúster Turismo de Galicia tamén se conmemora esta celebración cun comunicado de agradecemento a todos os actores do sector turístico polo traballo que están a desenvolver e de reflexión sobre os pasos para seguir para asegurar un futuro de desenvolvemento e sustentabilidade.
“Detrás do turismo de calidade está o esforzo, o traballo e o empeño de todos os empresarios e profesionais que integran o sector turístico galego para ofrecer as mellores experiencias a todos os que nos visitan. Non é casual que Galicia ocupe o segundo posto na clasificación estatal con máis certificados Q de calidade; non é casual que a nosa comunidade se teña convertido nun dos principais destinos no primeiro verán da pandemia e que este último ano cumprise as expectativas previstas como o ano da recuperación.
Neste Día Mundial do Turismo e despois dos complicados anos vividos e as incertezas xeopolíticas e económicas que ameazan o futuro inmediato da economía, desde o Clúster Turismo de Galicia queremos aproveitar esta efeméride para recoñecer o esforzo das empresas e as persoas que integran un sector capital para Galicia por reforzar a calidade dos seus servizos e o seu empeño en superarse cada día.
A aposta pola calidade, a sustentabilidade e a transformación dixital son os piares da folla de ruta na que traballamos conxuntamente coa Administración autonómica para que o sector, que xa supón preto do 11 % do PIB galego e emprega a máis de 70.000 traballadores, creza e se adapte á demanda dos novos perfís de turista. Nesta liña encaixa o recentemente creado Club de Produto Galicia Destino Sostible que, en menos de dous meses, tivo unha gran resposta do sector coa adhesión de máis dunha trintena de establecementos entre axencias de viaxes, restauración, aloxamento e oferta turística complementaria. Unha iniciativa na que as empresas asumen o firme compromiso con Galicia no seu sentido máis amplo: compromiso coa natureza, co medio ambiente e coa biodiversidade da rexión, coas enerxías renovables, a economía circular, a conservación da nosa cultural e a promoción do noso comercio local. Este é o sector turístico que queremos e que Galicia merece”.