Monte do Gozo acollerá o II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

Monte do Gozo acollerá o II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

  • O evento, no que participarán entidades procedentes dos cinco continentes, terá lugar do 19 ao 22 de outubro.

 

Santiago de Compostela, concretamente o Monte do Gozo, acollerá o II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño, un evento que terá lugar entre o 19 e o 22 de outubro baixo o lema ‘Asociacións. Memoria e futuro’.

 

Esta cita, na que se realizarán debates, conferencias, mesas redondas e sesións de traballo, está organizada pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Xacobeo e Turismo de Galicia.

 

Polo momento son 800 as persoas que mostraron interese por este congreso. Segundo a organización do evento, todo apunta a que se dupliquen os resultados da primeira edición, celebrada en 2015 en Compostela e na que participaron preto de 300 integrantes de asociacións procedentes dos cinco continentes. Actualmente xa confirmaron a súa presenza agrupacións de América do Sur, Estados Unidos e Asia, ademais da gran maioría das entidades españolas e europeas.

 

A cita comezará o xoves, 19 de outubro, co acto inaugural, e proseguirá os seguintes días con diferentes mesas redondas, presentacións, conferencias e proxeccións. O acto de clausura poñerá fin ao Encontro Mundial, mais este non será o remate definitivo. O domingo, 22 de outubro, ás 09:00 horas, as persoas participantes partirán camiñando desde o Monte do Gozo ata a catedral compostelá para acudir á Misa do Peregrino.

 

Podes coñecer máis información sobre o evento visitando a súa páxina web oficial ou contactando no seguinte correo: administracion@caminosantiago.org.