O sector turístico galego mantén contacto coa Xunta para coñecer as liñas de actuación fronte ao coronavirus

O sector turístico galego mantén contacto coa Xunta para coñecer as liñas de actuación fronte ao coronavirus

O Clúster Turismo de Galicia mantivo esta mañá un encontro coa Consellería de Cultura e Turismo e o SERGAS para coñecer os avances en protocolos e xestión da crise do coronavirus

Durante a reunión transmitiuse ao sector turístico galego unha mensaxe de absoluta tranquilidade

Unha representación do Clúster Turismo de Galicia encabezada polo seu presidente, Cesáreo Pardal, mantivo esta mañá un encontro co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, co obxectivo de coñecer de primeira man as liñas de actuación nas que está a traballar o Ministerio de Sanidade e o SERGAS na xestión do coronavirus. O encontro serviu así de primeira toma de contacto entre a Xunta e o sector turístico, sendo este un dos sectores potencialmente afectados pola crise do COVID-19.

Desde o Clúster trasladouse á Xunta a necesidade de que manter unha canle aberta de contacto directo entre sector público e privado para facilitar toda a información e os protocolos de actuación ante a expansión do virus que, de momento, non chegou a Galicia. Precisamente este primeiro encontro serviu para pór en coñecemento do sector turístico os protocolos que o Ministerio de Sanidade creou para a ocasión, centrado en medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus, que se difundirán a todo o sector turístico.

Teléfono de información

Ademais, a Xunta comunicou ao sector a creación dunha Comisión interdepartamental e un teléfono de axuda ( 900 400 116) para o seguimento do coronavirus mentres que para os cidadáns que presenten sintomatología e que tivesen contacto con persoas en zonas de risco, indícaselles que chamen ao 061.

Desde o CTG o seu presidente, Cesáreo Pardal, destacaba a importancia de lanzar unha mensaxe de tranquilidade e de posta en valor da seguridade dun destino como Galicia. ?Sen banalizar a enfermidade, non debemos caer en alarmismo e debemos seguir traballando con total normalidade?, afirmou, ?o sector turístico recibirá a información básica de como proceder e poderemos ofrecer información veraz ao viaxeiro, paliando así a desinformación e o alarmismo?

Cesáreo Pardal, que estivo acompañado no encontro polo presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxe (AGAVI) e o vogal do CETS, Francisco González, destacou que cun sistema sanitario como o galego está preparado para afrontar situacións deste tipo que, que, partindo do descoñecemento de como se pode comportar unha enfermidade nova, é probable que teña un factor estacional. ?Traballamos man a man coa administración, á que lle pedimos que traslade unha mensaxe de tranquilidade e seguridade do destino?, explicou o presidente do Clúster Turismo de Galicia que destacou que son conscientes de que a crise derivada do COVID-19 afectará posiblemente ao sector turístico pero que aínda é pronto para avaliar o devandito impacto.