O convenio asinado entre as tres partes enmárcase no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro e nos seus obxectivos de desenvolvemento de Galicia como destino sostible e de fomento do turismo rexenerativo.
O fomento da reciclaxe no sector turístico é o obxectivo do acordo asinado hoxe entre Ecoembes, a entidade que coordina a reciclaxe de envases en España; a Xunta de Galicia e o Clúster Turismo de Galicia. En virtude do acordo, as tres partes comprométense a traballar conxuntamente en varias liñas de actuación, como a entrega por parte de Ecoembes de papeleiras, cubos e contedores amarelos e azuis ao Clúster. Eses materiais serán repartidos entre os asociados da entidade coa finalidade de favorecer a separación correcta dos seus residuos.
O convenio asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes, Anxo Hervella, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, prevé tamén a organización de xornadas de limpeza en espazos naturais e de accións de sensibilización sobre os efectos negativos que o lixo causa neses lugares. Así mesmo, realizaranse accións formativas sobre sustentabilidade, reciclaxe e cambio climático dirixidas ao persoal e aos asociados do Clúster, que tamén poderán acceder a materiais divulgativos proporcionados por Ecoembes.
Durante o acto oficial da firma do convenio Cesáreo Pardal destacou que entre os obxectivos estratéxicos do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro figura o desenvolvemento da comunidade como un destino sostible e sinalou a importancia de encamiñarse cara a un turismo rexenerativo. Pardal apuntou que o Clúster sempre apostou pola sustentabilidade e mostrou a disposición de todas as entidades que o integran para avanzar na transformación do sector. Pola súa banda, o representante de Ecoembes destacou que con está acción poderase chegar a máis de 8.000 establecementos.
A conselleira de Medio Ambiente indicou que esta nova iniciativa complementará outras accións xa en marcha no ámbito turístico como a campaña Camiño á Reciclaxe presente nos aloxamentos das rutas a Compostela para sensibilizar aos peregrinos sobre a reciclaxe e o coidado dos espazos naturais.