Proveitosa participación do Clúster nas Xornadas Directas de Turespaña en América do Sur

Proveitosa participación do Clúster nas Xornadas Directas de Turespaña en América do Sur

A entidade levou aos workshops celebrados en Sao Paulo e Bos Aires un catálogo de 20 axencias de receptivo, que compartiu con máis dun centenar de axentes e operadores turísticos dunha decena de países latinoamericanos.

 

Tee Travel, Interrías, Pilgrim, Turismo de Galicia, o Museo Mundo Estrela Galicia e o Concello de Santiago completaron a representación galega.

 

Cesáreo Pardal agradeceu o traballo de Turespaña, o esforzo realizado polas empresas galegas que participaron na viaxe e a confianza das presentes a través do catálogo do Clúster.

 

Catro xornadas de intensa actividade repartidas en dúas das cidades máis importantes de América do Sur e decenas de reunións con operadores de boa parte de Latinoamérica para presentarlles a oferta turística galega. Así se desenvolveron as Xornadas Directas en América do Sur organizadas por Turespaña e nas que Galicia tivo unha participación destacada.

 

A delegación do Clúster Turismo de Galicia encabezada polo presidente Cesáreo Pardal tomou parte de forma activa nas actividades desenvolvidas en Sao Paulo os días 26 e 27 de setembro, e en Bos Aires (29 e 30) dando a coñecer un catálogo formado por un total de 20 axencias de viaxe de receptivo galegas. Galicia estivo representada tamén polas empresas Tee Travel, Viaxes Interrías e Pilgrim, así como polo Museo MEGA Mundo Estrella Galicia, Turismo de Galiciae polo Concello de Santiago de Compostela.

 

Cesáreo Pardal tivo palabras de agradecemento tanto para Turespaña pola organización destas proveitosas xornadas, como para as empresas galegas que fixeron o esforzo de participar directamente na viaxe e para aquelas que depositaron a súa confianza no Clúster formando parte do catálogo que a entidade difundiu tanto na cidade brasileira como na capital arxentina.

 

Nestas xornadas, as primeiras que organiza Turespaña en América do Sur desde que comezou a pandemia da covid, tomaron parte tamén máis dun centenar de axentes e operadores turísticos latinoamericanos seleccionados polas consellerías de turismo de Turepaña en Sao Paulo (responsable do mercado brasileiro), Bos Aires (mercado arxentino, boliviano, chileno, ecuatoriano, peruano, paraguaio e uruguaio) e Miami (colombiano), o que permitiu que as propostas dos representantes galegos teñan chegado a case unha decena de países.