Máis de 200 albergues e 15 oficinas de turismo participan na nova edición da campaña Camiño da reciclaxe.
Un verán máis, e xa van seis, a reciclaxe e a preservación da contorna, o sector turístico e o Camiño de Santiago vólvense unir ao redor da campaña Camiño da reciclaxe. A iniciativa nada no ano 2016 segue crecendo no seu afán de concienciar ás persoas que percorren as rutas de peregrinación cara a Compostela da necesidade de separar e reciclar os residuos e envases que xeran e de manter limpos os itinerarios que guían os seus pasos.
Para logralo, o sector turístico volverá xogar un papel clave, posto que un total de 208 albergues galegos e 15 oficinas de información turística situadas tamén en distintos municipios desta comunidade participarán na campaña proporcionando aos peregrinos materiais divulgativos e prácticos (máis de 21.000 bolsas reutilizables) para sumarse á iniciativa, e poñendo á súa disposición papeleiras azuis e amarelas para que poidan depositar respectivamente, papel e cartón, e latas, bricks e envases de plástico.
A nova edición desta campaña, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Axencia Turismo de Galicia, xunto con Ecoembes baixo o lema “Que o camiño deixe pegada en ti. Non ti nel” medra tamén en canto ao seu ámbito de acción. Aos camiños Francés, Inglés, Portugués, do Norte e Primitivo súmase agora o Camiño Portugués da Costa.
Os peregrinos que participen de forma activa nesta campaña dispoñerán ademais dunha Compostela de ecoperegrino con tres selos que poderán obter nos 208 albergues entre os meses de xuño e outubro. Por cada persoa que comparta en Instagram unha foto cos tres selos será plantada unha árbore autóctona nalgún punto de Galicia.
Durante o seus primeiros seis anos, a campaña Camiño da reciclaxe permitiu recuperar máis de 500 toneladas de residuos. O ano pasado alcanzouse a cifra récord de 117 toneladas e os seus promotores esperan que durante este 2022 se supere esa cantidade.