O presidente do Clúster Turismo de Galicia tomou parte en Celanova na presentación da nova edición desta iniciativa
A décimo quinta edición do Outono Gastronómico xa está lista para volver atraer a atención do público cara á ampla oferta de turismo rural en Galicia. Un total de 73 establecementos das catro provincias galegas participarán nesta iniciativa que se desenvolverá do 17 de setembro ao 19 de decembro e que permitirá a parellas, amigos e familias gozar dun escapada e degustar a saborosa oferta gastronómica concibida especialmente para a ocasión.
Os participantes poderán optar entre o Menú Outono Gastronómico, o Paquete Outono Gastronómico (que inclúe unha noite de aloxamento no establecemento seleccionado), a Fin de semana Outono Gastronómico (dúas noites de aloxamento) e o Outono Plus (no caso daqueles locais que ofrecen actividades complementarias como, por exemplo, sendeirismo ou paseos a cabalo). Ademais, nesta ocasión quen se aloxe dúas fins de semana en calquera dos establecementos que participan na iniciativa poderán ser agraciados co OuBono Gastronómico, que consiste nunha Fin de semana Outono Gastronómico gratuíta para dúas persoas.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, participou xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e os presidentes da Federación Galega de Turismo Rural, Francisco Almuíña, e da Asociación Galega de Turismo Rural, Juan Luís García, no acto de presentación deste 15° Outono Gastronómico celebrado na Reitoral de Anxemil (Celanova).
Unha das principais novidades desta nova edición é que todos os menús elaborados polos establecementos participantes incluirán produtos galegos con certificados de calidade avalados pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria.
Desde a súa posta en marcha hai xa 14 anos, o Outono Gastronómico permitiu que un total de 71.000 persoas gozasen dos servizos dos establecementos adheridos xerando así máis de 4 millóns de euros de actividade económica.
Máis información sobre os locais participantes e as condicións do Outono Gastronómico en http://bit.ly/2B01i6U