O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o director do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), Roberto Alonso, asinaron un protocolo de colaboración entre ambas entidades para impulsar a promoción do destino Galicia aproveitando toda a potencialidade do patrimonio gastronómico galego.
Despois da natureza a gastronomía é segunda razón pola que os turistas elixen Galicia como destino. A enogastronomía ten un peso cada vez maior na promoción do destino e súa maridaxe con otros elementos como a paisaxe ou a cultura facilitan a a comercialización de novas experiencias e productos, facilitando o desenvolvemento económico do territorio e contribuíndo a desestacionalización. Por iso, o acordo asinado o pasado venres establece o compromiso de ambos Clústers de aproveitar a complementariedade entre o sector turístico e o alimentario para desenvolver actuacións conxuntas que redunden en beneficio de ambos os dous sectores.
O protocolo contempla un marco de actuacións como a definición de novas estratexias de promoción turística de Galicia, poñendo o foco nos produtos alimentarios galegos como reclamo e como elemento de diferenciación do destino. Tamén establece a identificación de eventos (feiras, salóns e foros), tanto de ámbito nacional como internacional, nos que promover o destino Galicia coa enograstronomía como reclamo. Outra das liñas de traballo recollidas no protocolo é a de analizar posibles estratexias de venda cruzada de produtos alimentarios nos establecementos turísticos.
Grupo de Traballo
O Clúster Turismo de Galicia vén de sumarse tamén ao Grupo de Traballo de Gastronomía e Turismo promovido por Clusaga, dentro da súa Área de Mercados e Internacionalización. Este foro de debate ten como finalidade xerar un espazo de reflexión entorno ao turismo gastronómico.
Froito deste Grupo de Traballo, as empresas da industria alimentaria e de bebidas están a determinar cales son as iniciativas de maior impacto e viabilidade para por en valor os produtos galegos e aumentar o posicionamento da marca Galicia entorno a súa gastronomía.
Clúster Turismo e Clusaga
O Cluster Turismo de Galicia aglutina a 72 entidades entre federacións, consorcios e asociacións provinciais que representan ao 95% do sector turístico galego e agrupan a máis de 7.000 empresas. Constituído hai dez anos, o Clúster ten como obxectivo a potenciación do sector, actuando de interlocutor único ante as administracións, impulsando a innovación, a internacionalización e a consolidación de Galicia como destino sostible.
O Clúster Alimentario de Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por 149 socios, entre os que están as principais empresas produtoras e transformadoras do sector alimentario galego, universidades e centros tecnolóxicos da comunidade, e empresas de tecnoloxía e servizos relevantes para a industria alimentaria. O seu obxectivo é contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sustentable e mellora da competitividade e internacionalización do sector dos alimentos e as bebidas en Galicia.