Durante o Consello da Xunta do pasado xoves, 9 de novembro, anunciouse unha nova liña de axudas para fomentar o turismo sustentable e cultural, o mantemento e rehabilitación do patrimonio senlleiro galego con fins turísticos, a dinamización do rural, a creación de emprego e a ampliación da oferta de aloxamento e restauración no Camiño de Santiago. A Xunta de Galicia, no marco do Plan Xacobeo Next Generation, destina para esta acción un total de 4 M€.
A liña de axudas, dirixidas a pequenas, medianas ou grandes empresas, diferencia dous tipos de proxectos: os que fomenten a competitividade e a sustentabilidade turística en establecementos senlleiros; e os que busquen dinamizar o turismo cultural coa posta en valor de bens de interese cultural. Ambos os casos levarán asociado a creación de novos establecementos, ben de aloxamento ou de restauración (restaurantes, cafetarías ou bares), e que estean situados en concellos do Camiño de Santiago. A orde de subvencións para pemes e grandes empresas diferencia dúas tipoloxías de proxectos, que poderán recibir desde o 15% ata o 80% do investimento previsto.
A primeira tipoloxía céntrase naqueles proxectos que fomenten a competitividade e a sustentabilidade turística. Os establecementos deberán situarse en infraestruturas emblemáticas do patrimonio arquitectónico ou tecnolóxico de Galicia tipificados na Lei de patrimonio cultural de Galicia. Terán que contribuír á transición verde e creación de emprego na contorna do Camiño.
A segunda tipoloxía é sobre a dinamización do turismo cultural. A creación do establecemento debe ir aparellada á posta en valor ou rehabilitación dun Ben de Interese Cultural. Débese garantir que polo menos un 80% da capacidade temporal ou espacial anual do establecemento se destine a fins culturais.
As subvencións comprenden diferentes tipos de axuda: de rehabilitación sustentable dos edificios, a posta en marcha de medidas enerxéticas e mellora de accesibilidade. No caso dos proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística, poderase subvencionar unha contía máxima do 35%, 25% ou 15% do proxecto (dependendo de se se trata dunha pequena, mediana ou grande empresa). No caso dos dinamizadores do turismo cultural, poderán optar a unha axuda máxima dun 80% dos custos subvencionables ata o límite máximo de 2,2 M€ por proxecto.
Ademais disto, a Xunta anunciou unha nova convocatoria do Bono Enerxía Peme para o 2024, destinando un total de 3 millóns de euros co obxectivo de facilitar a mellora de instalacións enerxéticas de 700 pemes e autónomos.