Do mesmo xeito que xa se fixo con ocasión da celebración de Termatalia Arxentina, a Universidade de Vigo e Expourense como impulsor de Termatalia asinaron un convenio de colaboración para a promoción do Campus da auga da UVI en Termatalia México, que se celebrará entre 29 de setembro e o 1 de outubro, e que se converterá así nunha plataforma de promoción internacional deste pioneiro que se presentará ante institucións e empresas de máis de 30 países.
A firma do acordo de colaboración tivo como protagonistas ao reitor da UVI, Salustiano Matogueira, e ao director de Expourense, Alejandro Rubín, coa participación do vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.
O director de Expourense declarou que “o valor de Termatalia reside no capital relacional que xera entre aqueles que forman parte deste proxecto, e cremos que contar co apoio da Universidade de Vigo e o Campus da auga neste proxecto, non só nos reforza mutuamente, se non que axuda a fomentar e a pór en valor a cultura da auga”. Pola súa banda, Salustiano Matogueira explicou que a participación do Campus dá Auga en Termatalia é “un exemplo de cara a onde se vai a encamiñar a Universidade a través da especialización intelixente creando sinerxías con axentes socioeconómicos da provincia”.
Proxecto pioneiro
A Universidade de Vigo quere aproveitar a presenza do Campus da Auga en Termatalia para presentar os seus novos proxectos innovadores e investigacións que poden espertar o interese das empresas e institucións presentes na feira, posibilitando que os alumnos deste campus poidan realizar prácticas no estranxeiro. Doutra banda, presentará os seus dous novos produtos a desenvolver a partir de 2017: O II Simposium da auga, e o Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento co que a universidade buscará captar talentos internacionais.