Impulsado polo debuxante MiguelAnxo Prado co apoio do concello, Santiago acolle do 11 ao 13 de novembro unha nova iniciativa, Compostela Ilustrada que pretende convocar a afeccionados e artistas da ilustración para que se dean cita na capital galega. Orientada a un nicho de público diferente, o do artista que busca unha viaxe con tranquilidade, inspirador, polas rúas da cidade, o programa inclúe unha serie de talleres de pago que serán impartidos por recoñecidos artistas do sector como Catel Muller, Jorge González, María Meijide, David Pintor, Sagar Forniés ou Inma Serrano, unha oportunidade única para entrar en contacto con estes profesionais, que durante estes días retratarán a cidade desde o punto de vista dun visitante.
Finalizadas as xornadas, a Fundación Torrente Ballester acollerá unha exposición co material xerado durante estes días.