Co obxectivo de ofrecer formación especializada na promoción do Destino Galicia, a Xunta de Galicia habilitou orzamento para a convocatoria en 2017 dun total de 14 bolsas de formación para titulados. Cun investimento de 178.477,3 euros, as bolsas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, desenvolveranse tanto dentro como fóra de Galicia. Así, cinco delas terán como destino Londres, París, Berlín, Sao Paulo e Los Ángeles , ao ser considerados os prinicipales mercados emisores de turismo para Galicia.
O obxectivo destas bolsas é promover unha oferta práctica especializada que permitirá aos seus beneficiarios formarse como expertos en materia de promoción exterior do turismo galegos, traballando para a mellora da captación de fluxos turísticos cara á nosa comunidade así como traballando na mellora da comercialización e difusión dos produtos turísticos de Galicia. O nove restantes levarán a cabo nos departamentos de Turismo de Galicia, unha delas estará dirixida á Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, departamento crucial para potenciar Galicia como un destino turístico máis competitivo. O bolseiro, neste caso, aprenderá sobre o tratamento e a análise de datos turísticos. O oito bolsas restantes terán unha duración de seis meses e serán para a formación especializada en promoción e información turística e terán como destino as oficinas de turismo das cidades de Santiago, con tres prazas, e da Coruña, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense, cunha praza en cada caso. Estas oficinas de información turística prestan un servizo importante para os turistas e visitantes e contribúen a proxectar a imaxe de Galicia no exterior. Turismo de Galicia convoca estas bolsas de formación co obxectivo de permitir aos titulados acceder a prácticas tuteladas que actualicen e melloren os seus coñecementos e habilidades en materia turística.
Estas bolsas convócanse con carácter anual co obxectivo de seguir mellorando na competitividade do destino Galicia e a súa convocatoria anunciarase a través do Diario Oficial de Galicia.