Un ano máis Galicia pecha exercicio incrementando o número de establecementos e servizos turísticos certificados con Q de Calidade. Cun total de 281 Q de Calidade, 7 máis que en 2015, Galicia sitúase como a primeira comunidade en número de hoteis, apartamentos turísticos e casas de turismo rural con este distintivo de calidade concedido polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE). Galicia lidera, ademais, os segmentos de balnearios, instalacións náutico deportivas, turismo activo, e turismo industrial. Ademais é a segunda con máis axencias de viaxes certificadas, de xeito que Galicia é o segundo territorio con máis establecementos certificados, despois de Andalucía.
Este crecemento foi posible grazas á colaboración público-privada e a través do apoio ao sector mediante a liña de axudas para a implantación do Q de calidade turística en Galicia a través do acordo asinado co Clúster Turismo de Galicia. Devandito acordo, para o que a Xunta destinou 150.000 euros, ten como obxecto ofrecer un servizo de consultoría para as empresas e asociacións empresariais integradas. Ademais, o organismo público de xestión e promoción turística de Galicia desenvolveu en 2016 unha liña de axudas por importe de 90.000 euros destinada a apoiar o financiamento dos custos de certificación ou de renovación da marca Q dos establecementos interesados, medidas que foron fundamentais para continuar no crecemento ano a ano do número de certificacións.