Os establecementos hostaleiros poderán optar a un total de 6 millóns de euros en subvencións a través desta convocatoria de Axencia Turismo de Galicia.
As empresas galegas do sector hostaleiro poderán acceder a partir de mañá á convocatoria de axudas para a adquisición de equipamento post covid aberta pola Axencia Turismo de Galicia e subvencionada pola UE con marco aos seus programas de resposta á pandemia. Tal como publica o Diario Oficial de Galicia deste 6 de outubro, esta liña de axudas está dotada cun total de 6 millóns de euros e cada beneficiario poderá optar a unha subvención do 90 % do investimento previsto, ata un máximo de 50.000 euros.
Entre os gastos que poderán ser subvencionados con cargo a esta convocatoria figuran os seguintes conceptos: sistemas domóticos, control de distancias, optimización de procesos, renovación de aire, climatización, sistemas de ckeck-in automáticos, cartelería, rotulación, medidores de CO2, ionizadores, dispensadores, envoltorios e materiais dun só uso, reformas orientadas á creación de espazos que suxiran máis amplitude, procesos de desinfección realizados por empresas externas con motivo da covid, novo equipamentos de hixienizado, de lavado e de novos produtos, presentacións e métodos de conservación, e equipamentos multiservicios. Estes gastos deberán desenvolverse no período de tempo comprendido entre o 1 de xaneiro e o 20 de novembro do presente ano.
Na listaxe de empresas susceptibles de acollerse a estas axudas figuran hoteis, hostais, casas rurais, albergues turísticos e outro tipo de aloxamentos, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración. Os aspirantes deben estar rexistrados no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia e o prazo para a presentación de solicitudes será dun mes para partir do día seguinte da publicación da resolución no DOG.
Máis información en https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211006/AnuncioG0256-041021-0001_gl.pdf