Os viaxeiros e as noites pasadas nos hoteis galegos creceron un 16 % en outubro con respecto ao 2021

Os viaxeiros e as noites pasadas nos hoteis galegos creceron un 16 % en outubro con respecto ao 2021

Os establecementos galegos sumaron un total de 867.400 noites pasadas e 465.000 visitantes o mes pasado.

 

Estas cifras supoñen tamén un importante incremento tamén con respecto ao 2019, antes da pandemia.

 

Os hoteis galegos rexistraron un importante incremento da actividade durante o pasado mes de outubro con respecto ao mesmo período do 2021, segundo se desprende dos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística. O número de viaxeiros aloxados nestes establecementos pasou dos 399.000 de outubro do 2021 aos 465.196 do pasado mes, o que se traduciu tamén nun notable aumento das noites pasadas: 867.000 en outubro deste ano, fronte ás 747.000 do mesmo mes do ano pasado. En ambos os casos a alza foi do 16 %.

 

Ademais, estas cifras supoñen un aumento con respecto ao último outubro previo á pandemia, o do 2019, cando os hoteis galegos sumaron 414.000 viaxeiros e 790.000 noites pasadas.

 

O incremento produciuse nas catro provincias galegas, aínda que foi máis acusado, tanto en termos absolutos como relativos, na Coruña e Pontevedra. No primeiro caso, rexistráronse 47.000 viaxeiros e 64.000 noites pasadas máis que hai un ano, mentres que en Pontevedra o incremento foi de 13.000 viaxeiros e 44.000 noites, o que reflicte un aumento tamén do número de noites desfrutadas na zona por cada visitante. Isto tamén se pode ver na provincia de Ourense, onde a pesar de que só houbo pouco máis dun centenar de viaxeiros máis que en outubro do 2021, o número de noites creceu en case 6.000. En Lugo o aumento de visitantes e noites gozadas nos seus hoteis foi de algo máis 4.000 en ambos os casos.

 

Os datos comparados do INE mostran tamén que a tarifa media diaria dos hoteis galegos aumentou un 7,7 % con respecto a outubro do 2021, o que supón 3 puntos menos que a media do conxunto de España. No caso dos ingresos por habitación dispoñible, a alza en Galicia foi do 21,29 %, mentres que a media estatal foi do 24 %.