O Clúster participa a través da Mesa Provincial de Turismo no proxecto que impulsa a Deputación.
A enogastronomía é a base sobre a que se articula o Plan Provincial de Desenvolvemento Turístico en Destino co que a Deputación de Pontevedra concorrerá á convocatoria dos Fondos Next Generation. Este proxecto pretende impulsar o desenvolvemento das áreas rurais e contribuír á fixación de poboación cunha proposta que converta a provincia nun territorio de excelencia e que ademais se aliña co Plan Nacional de Turismo Gastronómico.
Para logralo, o ente provincial ha requirido da colaboración de actores tanto público como privados, tal como se puxo de manifesto na reunión da Mesa Provincial de Turismo celebrada este xoves para avanzar as principais liñas de actuacións do proxecto. Alí estiveron, xunto á presidenta provincial, Carmela Silva, cargos municipais de Pontevedra, Vigo e Poio, a directora do Aeroporto de Peinador, Ana Molés; representantes da Federación de Hostalería de Pontevedra (Feprohos), do Consorcio de Turismo de Sanxenxo, da Ruta do Viño das Rías Baixas, dos centros integrados de Formación Profesional Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo), e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
A sustentabilidade, a dixitalización, a integración e a innovación guiarán este plan que pretende actuar sobre toda a cadea de valor da enogastronomía, desde a produción ata a transformación do produto combinándoa con experiencias turísticas que inclúan tamén o goce da historia, a natureza e o patrimonio da contorna. As accións impulsadas desde o sector hostaleiro, as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas presentes na provincia combinaranse con actuacións para mellorar a sinalización dos recursos turísticos relacionados coa enogastronomía e coa creación de produtos turísticos específicos.