O programa Xacobeo Xove nace co obxectivo de achegar a experiencia do Camiño de Santiago á mocidade. Grazas a esta iniciativa todas aquelas persoas de entre os 18 e os 30 anos que dispoñan do Carné Xove activo (é dicir, que conten co número Eyca), poden solicitar un desconto de 200 euros en servizos vinculados ás dez Rutas Xacobeas oficiais: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, Camiño de Inverno, Camiño Portugués e Camiño Portugués da Costa.
As axencias de viaxe galegas adheridas ao programa son as encargadas de comercializar a experiencia. Os paquetes turísticos poden configuralos a axencias participantes no programa ou poden deseñarse de acordo coas necesidades específicas de cada beneficiario. Ata o momento son 23 as axencias adheridas á iniciativa, sumando máis de 40 experiencias diferentes para gozar do Camiño de Santiago.
Entre a oferta dispoñible, que se pode consultar a través da páxina web, atópanse rutas para facer o Camiño en parella; experiencias entre viñedos, vales e ríos; actividades aventureiras; ou mesmo etapas para descubrir o Camiño máis festeiro, vivindo a verbena das Festas de San Roque de Melide.
Para poder beneficiarse do programa, o custo da totalidade da viaxe debe ser, sen o desconto, como mínimo de 300 euros. Os beneficiarios deben achegar un cofinanciamento de, cando menos, 100 euros. As viaxes poderanse realizar entre o 1 de xullo e o 10 de decembro de 2023, sempre e cando a compra do paquete turístico se efectúe antes do 30 de novembro de 2023.
O Xacobeo Xove é unha iniciativa da Axencia Turismo de Galicia en colaboración co Clúster Turismo de Galicia, a Asociación de Viaxes de Galicia (AGAVI), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA), a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO), e a Consellería de Política Social e Xuventude. Para calquera dúbida ou cuestión podes consultar a páxina oficial do programa Xacobeo Xove ou contactar na dirección de correo xacobeoxove@clusterturismogalicia.com ou no teléfono 881 505 103.