O Clúster Turismo de Galicia, no marco dos convenios de colaboración formalizados pola Axencia Turismo de Galicia-Xunta de Galicia, pon a disposición das empresas turísticas un servizo de consultoría gratuíto para a obtención ou mantemento da Q de Calidade e da S de Sustentabilidade. O obxectivo deste servizo é simplificar o proceso ás entidades interesadas. As axudas publicadas pola Axencia Turismo de Galicia o pasado mes de xuño financian unha parte dos custos de uso da marca e da auditoría.
Q de Calidade e S de Sustentabilidade
A garantía Q de Calidade Turística é unha marca española, recoñecida mundialmente, dirixida á certificación voluntaria da calidade dos servizos turísticos. Esta certifica a calidade da xestión, servizos e infraestruturas das organizacións turísticas. A marca obtense cando a organización turística evidencia o cumprimento dos requisitos técnicos que a súa norma correspondente pronuncia. A organización debe poñer en funcionamento un sistema de xestión orientado ao servizo do cliente e en mellora continua.
A marca S de Sustentabilidade Turística é un recoñecemento ás boas prácticas sustentables, posta en marcha polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para axudar aos establecementos, empresas e destinos de España na integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible do Milenio. Esta marca obtense cando a organización turística cumpre, polo menos, coa Especificación Técnica de Cumprimento de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en organizacións turísticas, ou coa Norma UNE-ISO 21401:2019 Sistema de Xestión de Sustentabilidade para aloxamentos.
Servizo de Consultoría
Para a Q de Calidade realízanse os servizos de consultoría e asistencia técnica para a xestión, tramitación da subvención nos procesos de certificación/mantemento do distintivo durante o ano 2023.
Para a S de Sustentabilidade é preciso implantar os requisitos de, polo menos, un dos documentos fronte aos que se obtén a marca Sustentabilidade Turística. Ademais disto, tamén é preciso acordar cunha das empresas homologadas a auditoría externa; evidenciar o cumprimento dos requisitos técnicos; poñer en funcionamento e evidenciar as oportunidades de mellora detectadas; obter o certificado e poñelo en valor, dentro e fora da organización; e superar unha auditoría externa anualmente.
Se estás interesado no servizo de consultoría, podes recibir máis información consultando coa secretaría técnica do Clúster de Turismo a través do correo electrónico: secretariatecnica@clusterturismogalicia.com ou do teléfono 881 24 74 36.