A European Travel Comission (ETC) e Eurail, a entidade que representa a rede ferroviaria de Europa, xa presentaron os gañadores dos Premios de Turismo Ferroviario en Viena. Estes galardóns, lanzados por primeira vez en 2021, recoñecen excelentes campañas de mercadotecnia que animan aos viaxeiros a explorar Europa en tren.
Este ano recibiron máis de 30 candidaturas de organizacións turísticas, axencias de márketing, operadores ferroviarios e outras entidades que operan en Europa. Os trens turísticos de Galicia da Axencia Turismo de Galicia, Renfe e Inorde foron seleccionados por un xurado de expertos composto por profesionais do turismo, do ferrocarril e do márketing europeo, que xulgaron a súa relevancia, o desenvolvemento do produto centrado no ferrocarril, a creatividade e o impacto social e mediático.
A iniciativa recibiu a mención de honra por ofrecer aos turistas unha experiencia de viaxe atractiva e sostible por Galicia a través de 14 liñas ferroviarias turísticas. Trátase dunha iniciativa que introduce aos viaxeiros na gastronomía, paisaxes e historia de Galicia, promovendo experiencias auténticas para descubrir os recunchos e xoias escondidas da rexión.
Este galardón súmase ao de Mellor Produto de Turismo Activo Nacional recibido en 2015 na Feira Internacional de Turismo (FITUR), por potenciar o desenvolvemento e a comercialización da industria turística e proxectar un produto turístico de calidade.
Tempada 2023
Este ano a iniciativa dos trens turísticos de Galicia concluíu con máis do 86,3% de ocupación. Este ano estreábanse dous novos itinerarios: o das Camelias en Flor e a Experiencia MEGA, con boa acollida por parte dos viaxeiros. Estas rutas sumáronse ás xa coñecidas, que percorren faros, pazos e xardíns históricos galegos e mosteiros, ou propostas gastronómicas como a ruta dos queixos de Galicia, entre outras.