Segundo os datos achegados polos xestores das instalacións naútico recreativas a Portos de Galicia, 2018 conclúe con preto de 10.150 barcos en tránsito que pasaron polos portos galegos, o que supón unha subida interanual global do 5%. O presidente de Portos de Galicia, Jose Juan Durán, subliñou que, por primeira vez, Galicia pasa a barreira dos 10.000 tránsitos nun ano, o que proba a tendencia á alza desta actividade. Un incremento especialmente destacable nas Rías Baixas, que pecha ano cun incremento interanual do 18% en en o número de barcos en tránsito que pasaron polos seus portos. En total foron 7.400 os barcos en tránsito rexistrados durante este ano nos portos de titularidade autonómica das Rías Baixas, a franxa costeira entre Muros e Tui.
No conxunto da provincia de Pontevedra, o balance de tránsitos tamén foi moi positivo, cun incremento do 50%, situándose en 4.538 os barcos recibidos no conxunto da provincia. Polo que respecta á ría de Pontevedra, rexistráronse 2.500 barcos, un 13% máis que en 2017. Deste xeito, a provincia de Pontevedra confirma a consolidación desta actividade portuaria no conxunto da comunidade, que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que está a manter os bos resultados.
Segundo estes datos o porto máis transitado foi o de Muros, con 1277 barcos, seguido do porto deportivo de Combarro, con 937. Por municipios, Sanxenxo foi o concello con máis chegadas, 1.134 nos peiraos de Portonovo e de Sanxenxo, seguido de Baiona.
Durán Hermida insistiu en que para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha “liña de traballo estrutural”, tal como recóllese no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a pór en práctica.
Neste sentido, engadiu que para impulsar estas chegadas, están a se desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional, como a recente presenza nos salóns náuticos de Southampton (Reino Unido), A Rochelle e París (Francia), ou a participación prevista no próximo mes de xaneiro en Fitur.