Cesáreo Pardal participou na viaxe encabezada por Carmela Silva e nos workshops celebrados en ámbalas dúas cidades
Valencia e Madrid foron as dúas cidades escollidas pola Deputación de Pontevedra para promocionar en días pasados os atractivos turísticos da provincia a través de cadanseus workshops. A institución presidida por Carmela Silva organizou unha viaxe na que tomaron parte unha trintena de empresas (Alda Hotels, Attica 21 Hotels, Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Bahía de Vigo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Ciudad de Vigo, Hotel La Terraza, Hotel Louxo La Toja, Hotel Pirámide, Hotel San Luis, Hotel Villa Covelo, Paradores, Casa do Sear, Casas A Peregrina e Galicia Villas), axencias receptivas (Circuitos Galicia, CNTravel, Galicia Holiday, Simply Galicia, Tee Travel, Viajes Interrías e Viajes Vio Viajes), e empresas de oferta complementaria (Sailway, Martín Códax, Terras Gauda e Paco & Lola), ademais do Clúster Turismo de Galicia, representado polo seu presidente, Cesáreo Pardal.
Os encontros desenvolvidos en Valencia e Madrid permitiron levar a cabo máis de 3.000 citas entre os integrantes da delegación pontevedresa e 160 firmas desas dúas provincias e operadores internacionais. Demostrouse así o gran interese que espertan as Rías Baixas e a provincia de Pontevedra en xeral e as boas perspectivas coas que o sector turístico afronta o 2022. “Vai ser un ano histórico para o turismo: temos todo preparado para que o recibimento ás e aos turistas sexa unha festa”, explicou Carmela Silva.
A posibilidade de comercializar escapadas a Vigo con visitas ás illas Cíes durante as vacacións do Nadal, os atractivos do Museo de Pontevedra e do Castelo de Soutomaior, a oferta enoturística do Baixo Miño e do Salnés, e as propostas patrimoniais e enogastronómicas das comarcas do Deza e Terra de Montes cativaron aos profesionais madrileños e valencianos. Tras os dous workshops celebráronse actos de presentación das campañas turísticas que a Deputación puxo en marcha coa denominación “É o teu momento” e “Fame de experiencias”.