Un total de 25 establecementos acollerán as actuacións da primeira edición dos Recitais ao serán organizados por Fegatur.
O programa, que arrincou o 24 de setembro, prolongarase ata o 13 de novembro coa participación de 12 artistas galegos.
A lista de motivos para deixarse conquistar polo turismo rural en Galicia acaba de sumar un máis. A Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) vén de poñer en marcha en colaboración con 25 dos seus establecementos asociados e co apoio de Turismo de Galicia a primeira edición de Abertas de par a par. Recitais ao serán, un ciclo de actuacións que permitirá que a música, as historias e a divulgación cultural se faga un oco na oferta de propostas coas que estes negocios contribúen a dinamizar o mundo rural galego.
O ciclo arrincou o pasado sábado 24 de setembro, na Casa do Romualdo (Taboada, Lugo) coa actuación do dúo de zanfonas integrado por Óscar Fernández e Manu Fraguela, e prolongarase ata o próximo 13 de novembro cun programa que inclúe a un total de 12 músicos, artistas, escritores e divulgadores galegos.
Soledad Felloza cos seus contos para adultos, a finalista dos premios musicais Martín Códax Sofía Espiñeira, o luthier Pablo Carpintero, Germán Díaz co súa zanfona, o dúo de música clásica ConcertArt formado polos violinistas da Real Filharmonía de Galicia Irina Gruia e Ildikó Oltai, a música e o baile de Mercedes Prieto e Sergio Cobos, as melodías de Fernando Barroso e a combinación de narración e arpa de Charo Pita e Manuel Vilas completan o programa deste primeiro ciclo Abertas de par en par.
O calendario completo de establecementos e actuacións está dispoñible en: abertas-de-par-en-par-2022