O pasado venres día 27 presentouse en Ferrol a nova Estratexia de Turismo Galicia 2030, unha folla de ruta elaborada a partir dun proceso de diagnóstico no que participaron máis de 1.000 profesionais a través de grupos de traballo.
Os obxectivos prioritarios son promover o turismo sostible, coa hospitalidade como sinal de identidade e que beneficie a todo o territorio.
O documento conta con 64 medidas, e pretende aproveitar de forma sostible o potencial turístico da comunidade. Propón crecer onde é máis necesario, apostando polo rural e o litoral, apostando por un turismo máis desestacionalizado e internacional, e no que se prima a convivencia coas comunidades locais.
De feito, un terzo do orzamento de máis de 1.000 millóns de euros destinarase á sustentabilidade ambiental e social, co obxectivo de xerar unha relación positiva entre veciños e turistas.
Esta estratexia articúlase arredor de 8 misións: destino auténtico e diferencial; sustentabilidade integral; promoción, comercialización, desestacionalización e internacionalización do destino; rendibilidade e competitividade empresarial; mobilidade, conectividade turística e reequilibrio territorial; goberno de destino; intelixencia turística e transformación dixital; e capital humano e retención de talento.
Así mesmo, tamén se inclúen medidas para prestixiar o sector turístico e as profesións e contribuír a xerar emprego de calidade, co obxectivo de crear e reter talento.
Tamén se fomentará o uso de medios de transporte brandos (bicicleta, rutas a pé, etc.) e a mobilidade eléctrica para conectar os grandes nodos de transporte cos recursos turísticos. Ademais, seguirase fomentando o termalismo, o enogastronómico e o turismo de congresos.
O Xacobeo 2027 tamén terá un papel fundamental no turismo nos próximos anos, co obxectivo de que volva a ser un éxito.
En definitiva, trátase de reforzar Galicia como destino sostible, xerando riqueza en todo o territorio, apostando polas persoas e apostando pola hostalería como sinal de identidade de Galicia.