Estas subvencións da Axencia Turismo de Galicia están destinadas á creación de produto, comercialización do destino Galicia e transformación dixital.
As axencias de viaxes dispoñen dunha nova liña de axudas económicas para facer fronte ás consecuencias da pandemia da covid e relanzar a súa actividade. A convocatoria que acaba de lanzar a Axencia Turismo de Galicia está dotada cun orzamento de 650.000 euros procedentes do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e prevé o financiamento ao 100 % de gastos correspondentes a dous ámbitos diferentes.
O primeiro epígrafe destas axudas refírese á creación de produto e/ou comercialización do destino Galicia e inclúe gastos como deseño e elaboración de soportes de comunicación (audiovisuais, folletos, carteis, anuncios, merchandising…), desenvolvemento das TIC (tecnoloxías da información e a comunicación), promoción en liña (actualización de páxinas web, posicionamento SEO, márketing dixital) e pertenza a grupos de compra ou xestión de ferramentas para a creación e/ou comercialización do destino Galicia.
A outra liña de gastos subvencionables céntrase na transformación dixital: custo de licenzas de programas de xestión para o 2022, gastos de ferramentas de comercialización de servizos para este mesmo exercicio, adquisición de equipos informáticos, asistencias en programación, desenvolvemento e mantemento de sistemas de información, e asistencias para actividades de dixitalización (xestión de plataformas, creación de contidos, xestión de redes…).
Os beneficiarios poderán subvencionar gastos efectuados entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro deste ano. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a contar desde o 31 de maio.