Os 77.000 pasaxeiros rexistrados no primeiro cuadrimestre deste ano permiten superar nun 16 % o anterior récord.
O turismo de cruceiros regresou con forza aos portos de Galicia. Do mesmo xeito que o resto das ramas de actividade turística, estas viaxes tamén se viron gravemente afectados pola pandemia, pero neste caso a recuperación está a ser máis acelerada ata o punto de superar xa no primeiro cuadrimestre deste ano as cifras anteriores á covid e marcar mesmo un novo récord de pasaxeiros chegados a Galicia.
Os datos de Portos do Estado recompilados e analizados pola Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia (AEITG) permiten comprobar como os 77.132 pasaxeiros rexistrados durante os catro primeiros meses deste ano contrastan visiblemente cos 19.051 do mesmo período do 2020, interrompido polo inicio da pandemia, e, especialmente, cos 0 visitantes do 2021, en pleno cesamento completo da actividade das navieiras por mor das restricións da covid. Ademais, esa cifra supón unha alza importante (dun 16 %) con respecto ao anterior récord de pasaxeiros sumado nun primeiro cuadrimestre do ano en Galicia: os 66.597 do 2019. Ademais, esta dinámica positiva dá continuidade á experimentada xa durante o terceiro cuadrimestre do ano pasado, cando foron 69.095 os pasaxeiros que desembarcaron nos portos galegos.
O porto de Vigo, con 40.042 cruceiristas no primeiro cuadrimestre deste ano lidera o ranking galego por diante da Coruña (35.971) e Ferrol-San Cibrao (1.119). No caso de Vigo trátase do mellor dato da súa serie histórica cunha alza do 50 % con respecto ao 2019, mentres que na Coruña queda lixeiramente por baixo do récord dese ano (36.593 pasaxeiros) e en Ferrol están aínda lonxe das cifras rexistradas nos anos previos á pandemia, tal como ocorre tamén co porto de Vilagarcía de Arousa, que non sumou ningún pasaxeiro durante o primeiros catro meses deste 2022.