As startups finalistas da Aceleradora de Proxectos Turísticos da Xunta ensaiaron nas instalacións de Galicia Turistic a posta de longo dos seus proxectos.
Empresas como Tee Travel e entidades como o Centro Superior de Hostalería de Galicia formaron parte do xurado da sesión.
A segunda edición de Turislab, a Aceleradora de Proxectos Turísticos posta en marcha pola Xunta coa colaboración do sector turístico galego e do Clúster Turismo de Galicia, avanza xa cara ao seu momento culminante: o da presentación final dos proxectos e a elección dos gañadores por parte do xurado.
Para prepararse para esa fase final, que arrincará o 25 de novembro coa celebración do Investor Day e concluirá co Demo Day decisivo, os responsables das startups seleccionadas nesta segunda Aceleradora trasladáronse o pasado sábado ata Vilagarcía de Arousa para participar nunha xornada de formación de emprendemento e para realizar un ensaio xeral da presentación final.
O Centro de Servizos Avanzados de Galicia Turistic acolleu esta xornada na que foron presentados aqueles proxectos en maior grao de maduración do programa. A sesión permitiu aos participantes analizar e mellorar a súa posta de longo poñendo en práctica os coñecementos adquiridos durante a fase Academia da Aceleradora diante dun público formado por profesionais de ámbitos diferentes.
No xurado houbo representantes de empresas turísticas e doutras entidades e axentes do sector como o Centro Superior de Hostalería de Galicia, AJE Pontevedra, a Mancomunidade do Salnés, Tee Travel, Dos Espacios, Craftum, Suites Nature, Appentra Solutions, Une Comunicación e o Grupo GEM Galicia.