A Axencia Turismo de Galicia, candidata a mellor administración pública na implantación da calidade turística no seu territorio

A Axencia Turismo de Galicia, candidata a mellor administración pública na implantación da calidade turística no seu territorio

  • A Secretaría de Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias seleccionaron a seis institucións supramunicipais para este galardón.

 

A Xunta de Galicia, coa Axencia Turismo de Galicia, é unha das seis candidatas a converterse na mellor administración supramunicipal española na implantación de sistemas de calidade turística no seu territorio. Cada ano, a Secretaría de Estado de Turismo, xunto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) recoñecen publicamente o labor realizado por profesionais, institucións, servizos turísticos e destinos pola mellora da calidade na xestión.

 

A organización valora o traballo levado a cabo por Turismo de Galicia na promoción, difusión e apoio na implantación de sistemas de calidade tanto en empresas como en destinos galegos. Máis concretamente, pon en valor o traballo no desenvolvemento do Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTED), o proxecto que mellora a calidade dos destinos turísticos en España. Galicia participa no grupo de Calidade Turística Española, no seguimento, desenvolvemento e mellora do modelo SICTED desde o 2002. Agora, a Comunidade conta con 19 destinos SICTED, e máis de 1.300 servizos turísticos adheridos e recoñecidos co selo de calidade turística.

 

A candidatura galega tamén ten en conta a participación dos técnicos de calidade dos destinos e a análise de resultados da actividade turística levada a cabo pola Área de Estudos Turísticos e Investigación. O gañador darase a coñecer o vindeiro mes de xaneiro, durante a feira de turismo Fitur 2024.