Segundo unha recente enquisa realizada por YouGov, Galicia emerxe como o destino turístico menos masificado baixo a percepción dos españois, obtendo un 21% dos votos. Conforman o pódium Asturias e Cantabria, cun 20% e 18% dos votos respectivamente.
Este estudo confórmase a través de 8 variables relacionadas coa sustentabilidade: masificación, acceso e dispoñibilidade de transporte sostible, aloxamentos sostibles, respecto e conservación da contorna natural, oferta de actividades turísticas de baixo impacto negativo na contorna, impacto positivo na comunidade local a través do turismo, e respecto pola autenticidade cultural e pola tradición. A partir dos datos obtidos por cada destino en relación a estes factores, e da importancia que os consumidores españois lle deron a cada factor ao viaxar, calcúlase un coeficiente global de sustentabilidade para os destinos monitorizados.
O estudo subliña a importancia de fomentar un turismo sostible que evite a sobrecarga dos destinos populares e promova alternativas menos coñecidas. A distribución equitativa do turismo pode contribuír significativamente á conservación dos recursos naturais e culturais, mentres ofrece experiencias únicas aos visitantes.
Galicia perfílase coma un refuxio para aqueles que buscan escapar das aglomeracións, ademais de coma un exemplo de destino turístico que mantén un equilibrio entre afluencia de visitantes e preservación da súa identidade e contorna natural.
Que destinos de España considera menos masificados?