O presidente do Clúster participou en Ourense nunha mesa redonda sobre a sustentabilidade nos Camiños de Santiago e debateu en Noia sobre turismo e territorio.
O turismo xoga un papel clave no desenvolvemento do territorio, tal como se puxo de manifesto en días pasados en dous foros celebrados noutros tantos puntos de Galicia e nos que o Clúster Turismo de Galicia estivo presente para dar voz unha vez máis ao sector e expresar as súas preocupacións e aspiracións.
En Ourense celebrouse a quinta edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo, e dentro das actividades previstas tivo lugar tamén o terceiro Congreso Internacional de Turismo Deportivo, que reuniu a un nutrido grupo de expertos para falar sobre cuestións tan diversas como o turismo deportivo en espazos protexidos, as oportunidades que ofrece para o sector os fondos Next Generation, as perspectivas do turismo de golf en Galicia e as implicacións legais e normativas do turismo activo. Tamén houbo tempo para debater sobre a sustentabilidade nos Camiños de Santiago a través dunha mesa redonda na que participaron Ildefonso de la Campa, responsable da SA de Xestión do Xacobeo; Begoña Abalo, Product Planner da axencia especializada no Camiño Tee Travel, e o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal.
Na súa intervención, Cesáreo Pardal avogou por conciliar o aproveitamento do Camiño de Santiago como recurso turístico, cultural, histórico e económico de primeira orde coa preservación do medio ambiente e o patrimonio. Ademais sinalou a importancia que a colaboración de todos os actores implicados (sector público e privado, e a sociedade no seu conxunto) ten para lograr este obxectivo de sustentabilidade. “Desde o sector turístico galego non o perdemos de vista e por iso vimos traballando desde hai anos a favor dun turismo sostible que nos permita gozar da nosa riqueza natural, patrimonial, cultura, gastronómica e tradicional. Só así garantiremos ás xeracións vindeiras seguir facendo un bo Camiño”, apuntou Cesáreo Pardal para indicar que nesa liña enmárcase, precisamente, unha das últimas iniciativas postas en marcha polo Clúster: o Club de Produto Galicia Destino Sostible.
A sustentabilidade ocupou tamén boa parte da intervención que o presidente do Clúster realizou un día despois en Noiano Foro Empuxe organizado pola Asociación Deloa para deseñar e planificar a estratexia de desenvolvemento para o período 2023-2027 nos seus territorios de acción (municipios de Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois). Neste caso, Cesáreo Pardal compartiu tempo para a reflexión ao redor da cuestión do turismo e o territorio con Eva Castro, directora de proxectos e operacións de Alinea ODS e vicepresidenta da Rede Internacional de Promotores dos ODS España; Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, e Carlos Rodríguez, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Outes.
Cesáreo Pardal reivindicou o potencial dos municipios do territorio Deloa para dar resposta aos turistas que demandan espazos naturais e lugares non masificados, con historia, tradición e cultura, e que ofrezan a posibilidade de gozar de experiencias singulares. Ademais, destacou que a sustentabilidade é unha das grandes apostas do Clúster, tal como o demostra a posta en marcha de Galicia Destino Sostible.