O Clúster Turismo de Galicia e representantes de empresas como Casa de Cacheiro participaron no acto presidido por Alfonso Rueda.
Hai xa un cuarto de século que botou a andar Galicia Calidade, a marca impulsada pola Xunta para distinguir a aqueles produtos e servizos elaborados, deseñados ou prestados en Galicia que contan cos máis altos estándares de calidade. E para celebrar estes 25 anos de vida, os representantes da Administración, das 150 empresas que ao longo deste tempo se sumaron á marca e outros actores sociais e económicos déronse cita o mércores 14 na Cidade da Cultura para participar nun acto conmemorativo presidido polo titular do Goberno autonómico, Alfonso Rueda.
O sector turístico, moi presente en Galicia Calidade a través de máis dunha trintena de aloxamentos e restaurantes, tamén participou nesta celebración. Alí déronse cita o presidente e o vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e Jesús Picallo, así como o anterior máximo responsable desta entidade, Francisco González, e Ana e Mabel Vidal, responsables de Casa de Cacheiro, un establecemento que conta co selo Galicia Calidade, ademais da Q de Calidade Turística e que forma parte tamén do Club de Produto Galicia Destino Sostible impulsado polo Clúster coa colaboración da Xunta. Todos eles tiveron ocasión de gozar da gala e intercambiar impresións co presidente da Xunta así como con personalidades que tiveron un papel clave nestes 25 anos de Galicia Calidade, como o que foi o seu xerente durante unha década, Alfonso Cabaleiro.
Os conselleiros de Medio Rural e de Mar, José González e Rosa Quintana, respectivamente, tamén participaron nesta celebración na que Alfonso Rueda agradeceu o traballo de todos os que contribuíron a que Galicia e Calidade quedaran unidas para sempre. “Vinte e cinco anos despois, está marca segue representado o desexo de ser excelentes e seguir triunfando”, destacou o presidente da Xunta.