Actividades

O Clúster Turismo de Galicia organiza dous workshops hoxe e mañá nas Palmas de Gran Canaria e Santa Cruz de Tenerife.

 

Preto 30 empresas galegas darán a coñecer nestes encontros as múltiples experiencias das que os canarios e canarias poden desfrutar en Galicia.

 

Os chefs galegos Kike Piñeiro e Eloy Cancela farán de abandeirados da mellor cociña galega, apoiados por una mostra da nosa cultura vinícola grazas ás bodegas Mar de Frades e Paco & Lola.

 

Presentar a Galicia como a terra das mil vivencias é o obxectivo do Clúster Turismo de Galicia, que hoxe e mañá aborda esta misión nas Illas Canarias. Esta iniciativa, que o Clúster realiza coa colaboración da Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, busca estreitar lazos coas illas afortunadas para incrementar o fluxo de turistas cara á comunidade.

 

Las Palmas de Gran Canaria é a primeira parada da viaxe, que ao longo da xornada de hoxe acollerá o primeiro dos workshops previstos e que mañá continuará en Santa Cruz de Tenerife. En ambas illas preto de 30 empresas galegas entre axencias de viaxes maioristas, hoteis e outros aloxamentos, e empresas de oferta complementaria explicarán a emisores canarios que pode ofrecer Galicia a todos os canarios e canarias interesados en visitar a Comunidade ou en volver e poder gozar de experiencias diferentes ás xa vividas.

 

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, sinalou que “viaxar a Galicia é construír novos recordos” porque a nosa Comunidade é rica “en recursos naturais, patrimoniais, culturais, gastronomía e tradición, que se poden gozar de mil maneiras distintas” e por iso “cada viaxe a Galicia pode ser unha vivencia totalmente diferente”. Ademais, recalcou a firme a aposta da Comunidade por un turismo sostible e intelixente.

 

Durante a súa intervención, Cesáreo Pardal lembrou tamén a unión de Galicia e Canarias polo  Camiño de Santiago, recordando a ruta xacobea de Gran Canaria, que une Maspalomas con Gáldar, cuxa celebración xubilar foi concedida á Igrexa de Santiago dos Cabaleiros de Gáldar en 1965 e a perpetuidade desde 1993. Un vínculo especialmente importante este ano no que Galicia celebra o dobre Xacobeo 2021-2022.

 

O presidente do Clúster Turismo recalcou que o Camiño é unha parte clave da nosa oferta turística, pero que Galicia ofrece moito máis: praias, bosques, termalismo, patrimonio e gastronomía son puntais dunha oferta turística con experiencias únicas para o viaxeiro.

 

O turismo náutico con preto de 900 praias e unha ampla oferta portuarias é unha das múltiples vivencias que se poden experimentar en Galicia, pero tamén a desconexión cun turismo rural de calidade ou o termalismo con máis de 300 manantiais e unha tradición termal que se remonta aos romanos. Galicia alberga, ademais, un extenso patrimonio cultural recoñecido ata en cinco ocasións pola Unesco e diferentes opcións para o turismo de congresos no eixo atlántico con Coruña e Vigo nos seus extremos.

 

Ademais do acto institucional de apertura, no que se  proxecta un vídeo promocional de Galicia, ambos workshops levan a Canarias unha mostra da cultura gastronómica e do sector vitivinícola galego. Os chefs Kike Piñeiro e Eloy Cancela, responsables do restaurante compostelán A Horta d’Obradoiro, serán os encargados de poñer sabor galego ao encontro coas axencias de viaxes de Las Palmas de Gran Canaria e Santa Cruz de Tenerife. Un bo facer, o destes reputados cociñeiros galegos, recomendado polas guías Michelín e Repsol. Unha demostración gastronómica maridada cunha boa mostra de viño galego, grazas as bodegas Mar de Frades e Paco & Lola. O colofón do evento será un sorteo de estancias en Galicia entre os profesionais canarios participantes.

10 de Maio de 2022

Galicia estreita vínculos con Canarias para incrementar o fluxo turístico entre as illas e a comunidade

O Clúster Turismo de Galicia organiza dous workshops hoxe e mañá nas Palmas de Gran Canaria e Santa Cruz de Tenerife.   Preto 30 empresas galegas […]
09 de Maio de 2022

O enoturismo volve brillar coas Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia

As cinco denominacións de orixe participan nesta iniciativa que incluirá visitas guiadas ás adegas e numerosas actividades paralelas, e que se iniciará a fin de semana […]
02 de Maio de 2022

Representantes da mellor gastronomía galega acompañarán o Clúster nas presentacións programadas nas Illas Canarias e no Porto

Eloy Cancela e Kike Piñeiro, da Horta d’Obradoiro, poñerán a nota de sabor nas Palmas e Tenerife, e Iván Domínguez, de Nado, fará o propio na […]
28 de Abril de 2022

O Clúster Turismo de Galicia mostra o seu total rexeitamento ao decreto de rexistro en aloxamentos e reclama unha inmediata moratoria da súa entrada en vigor e unha revisión en profundidade

O Real Decreto, que entrou en vigor onte, triplica a información que as persoas físicas ou xurídicas que exercen actividades de hospedaxe e alugueiro de vehículos […]