O Parador Nacional de Baiona acolleu o congreso de turismo náutico europeo Galicia, Atlantic Destination, no que representantes dunha vintena de clubs e asociacións náuticas do vello continente debateron ao longo do fin de semana sobre a situación e retos de futuro dun sector que os participantes coindieron en destacar que ten un grandísimo potencial para converter a Galicia en referencia para os navegantes europeos.
Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, que inaugurou o evento, destacou que 8 de cada 10 barcos que navegan polas rías galegas proceden de Europa. “Galicia – dixo- conseguiu que as instalacións náuticas reciban cada ano un maior número de visitantes, e o esforzo débese centrar agora en aspectos máis cualitativos que cuantitativos”, destacaba pola súa banda o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán mentres que por parte do Monte Real Club de Iates, que organiza o evento da man de Turismo de Galicia, Portos de Galicia e o concello de Baiona, interveu o seu presidente, José Luís Álvarez para destacar que temos “unhas Rías navegables durante todo o ano, unha posición estratéxica para os tránsitos, e unha xente, cultura e gastronomía inigualables”.
Retos de futuro
Na sesión inaugural destacáronse as melloras rexistradas nos portos e mariñas de Galicia ao longo dos últimos anos, sendo hoxe unha importante oferta para toda Europa. No entanto, tamén se incidiu na necesidade de mellorar as conexións para chegar a Galicia en voos directos desde moitos dos países de orixe dos posibles tránsitos, e o feito de que nalgunhas mariñas o persoal apenas fale inglés.
Outras das accións de mellora que se expuxeron no congreso inciden na necesidade de implementar as infraestruturas e servizos complementarios aos portos e mariñas; e realizar unha mellor difusión das propostas turísticas para poder chegar ao maior número de persoas posible.
Os representantes da vintena de clubs e asociacións náuticas de toda Europa, procedentes Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Irlanda, Países Baixos, Portugal e Reino Unido, tiveron ocasión tamén de coñecer de primeira man dúas das propostas que buscan impulsar o turismo náutico en Galicia: os minicruceros polas rías e o proxecto europeo Ecodestin, ademais de facer unha visita turística pola ría de Arousa.